Desparasitacións

Os parasitos son animais que viven aproveitándose das nosas mascotas, causándolles importantes molestias e complicacións, e incluso favorecendo a aparición doutras enfermidades máis graves. É moi importante que o propietario dunha mascota se conciencie da necesidade de mantela libre de parasitos, non só por tela nun bo estado sanitario, senón tamén porque, en moitos casos, os parasitos son capaces de transmitirse aos humanos.

En función da súa localización no animal, diferenciaremos entre parasitos externos e internos.

Parasitos externos

Localizarémolos na pel dos nosos animais. Entre os máis frecuentes e coñecidos destacan as pulgas, as carrachas e os piollos. É frecuente velos directamente entre o pelo do animal parasitado.

O primeiro síntoma que teñen os animais infestados é o prurito ou picor, causado polas súas mordeduras. No caso dunha infestación importante, poderían causar anemia. As carrachas, á súa vez, poden ser o vehículo de transmisión doutros parasitos sanguíneos causantes da babesiose e da erliquiose. As pulgas poden causar tamén reaccións alérxicas á súa picadura (dermatite alérxica á picadura de pulgas- DAPP). As pulgas tamén están implicadas no ciclo de vida de algunhas tenias intestinais que se poden transmitir aos humanos (especialmente aos nenos).

Outro tipo de parasitos externos non son visibles a simple vista, pero si o son as lesións que producen na pel do animal. Estámonos a referir ás sarnas, causadas por ácaros, e á tiña, por fungos. Ambas enfermidades provocan importantes alteracións na pel das nosas mascotas (perda do pelo, picor, dermatite, infeccións secundarias da pel con pus, etc.) e son susceptibles de se transmitir ás persoas.

Parasitos internos

Atópanse no interior do corpo da nosa mascota en diferentes lugares:

  • Intestino: lombrices e tenias. Causan alteracións dixestivas; nos cachorros poden provocar retraso no crecemento e anemia (Ancylostoma). Nalgúns casos poden transmitirse directamente ás persoas, polo que se debe ter unha especial precaución se conviven con nenos, por estaren relacionadas con enfermidades humanas graves coma a hidatidose.
  • Sangue: lombrices no corazón (filaria), protozoos e bacterias parásitas dos distintos tipos de células sanguíneas (babesia, erliquia, leishmania). Causan importantes alteracións no animal incluída a morte (anemias, letarxia, hipersensibilidade a dor, alteracións na urina, insuficiencia cardíaca ou renal, etc.). Teñen en común a necesidade dun vector para a súa transmisión (mosquitos no caso da filaria e da leishmania, e carrachas na babesia e na erliquia). Nestes casos é de vital importancia o uso de repelentes nas épocas de maior actividade dos vectores/transmisores.

Na loita contra os parasitos e fundamental a prevención e a constancia á hora de facer e repetir os tratamentos, porque non só esta en xogo a saúde da nosa mascota se non que tamén o está a nosa propia e a dos que nos rodean.

A desparasitación preventiva dos parasitos intestinais debe realizarse cada 3 meses cun produto de calidade que teña efecto fronte as lombrices e as tenias. Só no caso de que se realizase un diagnóstico (por exemplo, unha análise fecal) poderiamos aplicar un produto específico en función do tipo de parásito atopado. Para previr as infestacións por este tipo de parasitos deberemos controlar e, no posible, evitar que as nosas mascotas se alimenten de vísceras crúas, cadáveres ou excrementos doutros animais.

No caso dos parasitos externos, hoxe hai no mercado unha gran variedade de produtos e formatos para atallalos (pipetas, aerosois, colares, repelentes, comprimidos, etc.). É fundamental estudar cada caso para axeitar o tratamento a cada mascota así como a súa periodicidade. Estes tratamentos deben incluír tanto á mascota como ao ambiente onde vive (caseta, cama, manta, etc.)

Copyright © 2012 Consulta Veterinara A Piringalla Aviso Legal  |  Contacto  |  Facebook  |  Mapa do sitio