Vacinacións

Que é unha vacina?

Unha vacina é un cultivo microbiano que se inocula no organismo de animais ou persoas para inmunizalos contra unha enfermidade. Trátase dunha ferramenta preventiva que lles facilita ás nosas mascotas manter unhas defensas eficaces e axeitadas fronte a diversas enfermidades de orixe infecciosa.

Como acúan as vacinas?

O seu mecanismo de actuación baséase na estimulación do sistema inmune. Cando un axente infeccioso penetra no organismo, as células de defensa identifícano como algo “non propio” e responden xerando anticorpos contra o mesmo.

Ante a enfermidade real a producción de anticorpos non é inmediata: os animais tardan entre 15 e 20 días en fabricar unha cantidade suficiente de anticorpos para loitar contra o axente infeccioso. Durante eses días, o animal vai enfermar e a súa evolución vai depender da gravidade do proceso.

Coa vacina, a mascota recibe un axente infeccioso modificado, que non vai causar enfermidade, pero que lle vai servir de modelo para fabricar os suficientes anticorpos que lle impidan enfermar no caso de afrontar a infección real.

Cando aplicar as vacinas?

Convén saber que antes de aplicar calquera vacina a un animal, sexa grande ou pequeno, debe estar debidamente desparasitado e non estar a sufrir ningunha enfermidade, porque, nestes supostos, a resposta á vacinación pode non ser a axeitada.

Considerado o antes exposto, debemos diferenciar entre cachorros e animais adultos.

Un cadeliño recibe anticorpos no leite que mama da súa nai, estas defensas mantéñense en niveis efectivos ata os 45 días de vida. Este é o motivo (non interferir coas defensas que recibe da nai) polo que non se recomenda vacinar cadeliños antes do mes e medio. A partir de entón, comézase unha pauta de vacinación, que, unha vez rematada, asegura as defensas do animal fronte as enfermidades máis importantes. Sen embargo, para que esas defensas permanezan en valores axeitados débese revacinar ao animal anualmente.

No caso de animais adultos podemos iniciar a pauta de vacinación en calquera momento, sendo tamén de vital importancia as revacinacións anuais para manter valores adecuados de anticorpos.

Cales son as principais enfermidades a previr?

En cans: Parvovirose, Moquillo, Hepatite, Leptospirose e Coronavirus. Aínda que en Galicia non é obrigatoria a vacinación fronte a rabia pero, por tratarse dunha zoonose (pode transmitirse dos animais aos humanos), recomendamos que se inclúa no programa de vacinación.

En gatos: Panleucopenia, Calicivirus, Rinotraqueite, Leucemia, Inmunodeficiencia felina, Peritonite infecciosa e Rabia.

Copyright © 2012 Consulta Veterinara A Piringalla Aviso Legal  |  Contacto  |  Facebook  |  Mapa do sitio